Nesta entrada, Elefantes e Astronautas, imos amosar como foi a nosa incorporación ao Proxecto Illa Fantasía.
A primeira sorpresa foi cando unha mañá atopamos un cartel na nosa alfombra da asemblea. Presentaba uns debuxos sinxelos pero chamativos, uns carteis e o seu fondo era azul. En seguida comezamos a pensar no que podía ser aquelo. Algúns de nos nomeábamos debuxos soltos pero houbo que foi capaz de ver... unha illa porque estaba todo rodeado de mar.
Aos poucos días apareceu unha carta baixo da nosa porta. Como somos moi observadores, dímonos conta de que no sobre había un selo coa mesma imaxe que o cartel aparecido na nosa alfombra. Esta carta... viña da Illa!. Comezamos a lela e alí se nos explicaba todo o que aparecía naquel mapa: cousas, lugares, personaxes...
O que máis nos gustou foi que naquela illa... tamén había unha escola!, "A escola do unicornio", e tiña algo especial: cada vez que unha nena ou neno aprende a ler ou a escribir, nesa escola, nace un unicornio branco e brillante. Ademais, na biblioteca da escola, vive o Mago Alfa acompañado do Bufo Beto que se encarga do correo.
Sería el o que nos agasallou cunha caixa de correo na que aparece pousado cada vez que chegan noticias da illa.
Como as personaxes da illa chamaron moito a nosa atención a primeira producción foi nomear e situar no mapa a cada personaxe. Vede como traballamos e que fermoso nos quedou o noso recuncho de lecto-escritura ao que bautizamos co nome de "Recuncho de Illa Fantasía"!
E un día no buzón de Beto... recollimos a correspondencia!. Nos explica esta carta como é o Xardín dos Unicornios que se atopa detrás da Escola do Unicornio e todo o que alí se cultiva: desde flores ata plantas, vides e arbores froiteiras. Invítasenos a imaxinar como é este xardín e aquí tedes o que a nosa imaxinación producíu.
As aventuras ían continuar... e non so na terra hai xardíns senón tamén no fondo do mar con algas, corais... Pero no fondo do mar, oculto baixo Illa Fantasía atopamos a Isótita. Un novo territorio creado para salvar ás boas persoas que hai un tempo se viran atacadas por uns bárbaros. Este lugar con forma de burbulla foi onde se resgardaron grazas á Pirata Mariana-Meiga do mar ou Dama Gris e ao seu navío o "Stella Maris". Neste territorio reinaba o respecto, a liberdade e o amor por todas as persoas e os seres vivos.
E... a partires de aí... que imaxinades que se nos ocurríu?. Pois construir a nosa propia Isótita: unha burbulla con personaxes, animais mariños e fondo mariño utilizando diferentes materiais. Ollade que ben nos quedou:
Ah! e sabedes unha cousa?. Na seguinte carta que recibimos na nosa caixa de correo, ao redor do mes de novembro, descubrimos que Isótita se fundou nese mes e como nos fondos mariños de Isótita había grandes colonias de alga Nori (unha alga de cor violeta) escolleuse esta cor como símbolo da non violencia e da igualdade.
Tamén desde Illa Fantasía se nos invita a coidar o noso planeta porque, no fondo do mar de Illa Fantasía, tamén aparecen cantidades inxentes de lixo. Ata a serea Saladina se mancou cunha lata agochada entre as rochas. E por iso que a capitana Mariana, nos pide axuda para salvar os océanos acostumándonos a reciclar calquera tipo de lixo.
Xurde de aquí a idea de, con materiais reciclados, facer un longo cabo que una a nosa escola con Isótita.
Así que... más a obra! recollimos rolos de papel hixiénico e pintámolos de cor violeta escribindo en cada un a palabra correspondente á frase que pensamos os membros de cada grupo de mesas. Astronautas e elefantes unimos as nosas frases e conseguimos este fermoso cabo. O día 25 de novembro luceu xunto cos dos demais compis do cole no corredor principal.
E para rematar o trimestre... a grande sorpresa!. A Capitana Mariana enterouse de que estamos a traballar moi ben: respectándonos entre nos e sobre todo coidando o planeta así que... quere facernos unha visita!. Pero... o problema é que non sabe como chegar ata Pontedeume e polo tanto tivemos que estudar o xeito de poder explicarlle como vir ao noso cole.
Comezamos a facernos preguntas:
- Como chega con seu galeón a Pontedeume?
- Onde vai deixar ao Stella Maris?
- Por onde ven cara ao noso cole?.
Partindo de descubrir que un galeón é un barco démonos conta de que en Pontedeume tamén hai barcos e que a nosa vila ten un porto... Pois logo de pensar e pensar fomos descubrir o porto de Pontedeume e... moitas cousas máis!. Mirade e vede que fermosa carta náutica lle preparamos á Capitana Mariana. Con ela, non hai perda posible!.
Tan ben explicadiña ía a nosa carta náutica que a Capitana Mariana apareceu no noso cole case chegadas as vacacións. Foi emocionante!. E unha muller con carácter pero moi doce e ensinounos moitas cousas na súa visita: que debemos tratarnos con respecto entre nos, que debemos respectar o turno de palabra para falar e sobre todo, que debemos coidar o noso planeta evitando tirar calquera tipo de lixo xa sexa no mar ou na terra (nunca debemos esquecer o importante que é reciclar tirando cada tipo de lixo no contedor correspondente)... Para ela somos os seus "grumetes" pero logo de comprometernos a non esquecer todos os seus consellos coa súa esfera de luz... convertémonos en verdadeiros "piratas". Así lle gustaría vernos na súa próxima visita!. Tentaremos que así sexa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario