"A OCA DOS NOSOS MAIORES"
Este luns, como remate do proxecto "A oca dos nosos maiores" proposto polo Equipo de Dinamización Lingüística este curso e dentro da dinámica "Aprendizaxe Servizo" visitamos aos maiores da Residencia Nosa Señora das Virtudes .
Nesta visita obsequiámolas cun Xogo da Oca moi especial xa que foi elaborado por todo o alumnado do CEIP Couceiro Freijomil representando as casiñas orixinais deste xogo e adaptando outras ao noso contexto escolar: cos materiais que soemos empregar no noso día a día na escola (cores, caderno, afialápis...), coas festividades e conmemoracións que realizamos no cole (día da paz, entroido, maios...) e así como algún lugar representativo de Pontedeume (a ponte de pedra, a fonte do Pilón, o albergue de peregrinos...).

Pasamos un rato moi agradable cos nosos maiores. Explicámoslles o contido das diferentes casiñas e quixemos saber se coñecían algunhas das celebracións presentes nas mesmas. Tamén conversamos con elas para saber como eran as súas vidas cando eran pequenas (se ían á escola, a que xogaban, en que traballaban xa de maiores...). Gustounos moito coñecer cousas tan interesantes como que algunha muller fora mestra, outra traballara nunha fábrica de conservas, outra sacara o carnet moi noviña e ía vender peixe a lugares lonxanos, as pelotas coas que xogaban estaban feitas con trapos e tamén xogaban coma nos ao pilla-pilla, á corda, ás canicas e... tanto nenos coma nenas.
Para rematar animámolas a xogar á nosa "OCA" e como Sor María José, unha das responsables da residencia, tiña unha bolsa de "CANICAS", elas foron as encargadas de ensinarnos a xogar, colocando ben os nosos dediños, por suposto.
Agradecemos que nos agasallasen coa bolsa de canicas coa que xogamos. Agora tócanos practicar no noso patio de terra aproveitando o bo tempo que se aproxima.
Como despedida cantámoslle unha das cantigas que soíamos cantar nas asambleas "SOMOS AMIGOS" porque agardamos que "Cuando pasen muchos años, y seamos ya mayores, me gustaría... ser amigos como hoy".
No hay comentarios:
Publicar un comentario