Para rematar o proxecto "A OCA DOS NOSOS MAIORES" proposto polo Equipo de Dinamización Lingüística este curso e dentro da dinámica socio-comunitaria "Aprendizaxe Servizo", dúas aulas de infantil e dúas de primaria visitamos aos nosos maiores.
Este venres os Bombeiros desprazámonos á parroquia de Vilar para visitar aos nosos maiores e agasallalos cun XOGO DA OCA personalizado. (Agradecemos ao Concello de Pontedeume o ofrecemento do autobús para trasladarnos ata alí).
Aínda que o percorrido foi curtiño a ilusión coa que viaxaron os nosos peques notouselles desde que chegaron e foron recibidos pola terapeuta ocupacional do centro e a directora do mesmo que nos diron a benvida e nos presentaron ás persoas maiores que alí se atopaban.
Comezamos presentándonos como aula e individualmente e os maiores máis atrevidos tamén o fixeron. Alí coñecimos a María, Carmen, Prudencio, Neli e moitos máis...
Xuntos repasamos as casiñas máis tradicionais da oca e as elaboradas polo alumnado do noso cole. Encantoulles lembrar con elas tradicións coma os Maios ou o Magosto, entoar cantigas de maio, falar do colar de zonchos, contarnos cousas dos xogos da sua infancia, lembrar que na escola non se deixaba falar galego, facer unha demostración dunha das casiñas, a da conmemoración do Día da Discapacidade (Teresa amosounos como se despraza grazas a sua cadeira de rodas eléctrica, e María co seu andador), recoñecer noutras casiñas monumentos emblemáticos de Pontedeume como a Ponte de Pedra, a Ponte de Ferro, a fonte do Pilón e lembrar algúns dos úteis que utilizamos no traballo escolar (goma, afíalapis, caderno...).
E despois disto A XOGAR!. Ensinámoslles a xogar á nosa oca e nós aprendimos a xogar ao dominó "de maiores". Gozamos moito pero aprendimos aínda máis.
No hay comentarios:
Publicar un comentario