jueves, 5 de enero de 2023

PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DOS BOMBEIROS

 Bombeiros, bombeiras e mestra aproveitamos esta "primeira etapa" da nosa "carreira" neste segundo curso no cole de maiores, para facer resumo do camiño andado, do vivido, do aprendido e en definitiva de todo o compartido.

Aínda que moitos de vós xa coñecedes as aventuras destes pequenos polo que eles vos contan ou polo que se publica na web do cole, quero amosarvos nesta entrada un resumo explicativo e gráfico dalgunhas das actividades levadas a cabo nestes tres meses.

REENCONTRÁMONOS!!.

A volta do verán supuxo para algúns de nós un tímido achegamento aos compañeiros que non viramos en moitos días e para outros foi un "ola de novo" logo de compartir un anaquiño do noso tempo nos campamentos de verán. 

Os tímidos inicios duraron pouco: o faladoiro sobre o noso verán, a cantiga que nos une como aula "Somos amigos", o xogo colaborativo no que escollendo a un compañeiro deseñamos o mellor debuxo para agasallalo, o descubrimento da nova aula e o camiño cara a ela, a visita aos irmáns nas aulas de primaria, retomar as rutinas de clase, aprender a utilizar os percheiros, coñecer novas mestras, compartir tesouros das vacacións e finalmente o tempo de xogo na aula e no patio conseguiron que "o posible xeo da vergoña" esnaquizase definitivamente.


 


HUGO EN TENERIFE


APRENDIMOS XUNTOS!!

Desde o primeiro día deste curso foron moitas as actividades que nos axudaron a avanzar nas nosas aprendizaxes diarias. Algunhas orientadas a reforzarnos individualmente e outras a aprender xuntos porque... estámonos a dar conta de que: escoitando aos demáis, atendendo a como solucionan os pequenos retos de cada día e xogando xuntos, aprendemos mogollón!.

LEMBRAMOS O QUE SABEMOS, REFORZAMOS E AUMENTAMOS COÑECEMENTOS

Formas xeométricas, números, relación fonética vogais-obxecto, recta numérica e niveis, retroconta, subitización, asociación número-cantidade, familias de números, inicio da suma, conteo con casco mágico-matemático, repartos, estimación na recta numérica, a decena con Embudina...  










OS RECUNCHOS SÉRVENNOS PARA AFIANZAR AS APRENDIZAXES.

Logo da presentación e explicación concreta, en gran grupo, de diferentes materiais e soportes que van estimular o afianzamento das aprendizaxes, os Bombeiros e Bombeiras elixen libremente o recuncho ao que queren ir cada día.

Na aula contamos con oito recunchos nos que adoitamos cambiar as propostas cada tres semanas aproximadamente: lóxica-matemática, puzles, construcións, experimentación, lecto-escritura, lectura, vida práctica e arte. A rotación polos recunchos faise autónomamente por parte do alumnado mediante unha lista de control e a mestra supervisa o correcto uso e aproveitamento das propostas durante o tempo diario adicado aos recunchos. 

Unha vez realizada a proposta nenos e nenas poden xogar con circuitos e coches, modelar ou realizar actividades plásticas. 
 
Aquí tedes unha pequena mostra en imaxes:
 



VIVINDO A MÚSICA!!

Bombeiras, bombeiros e a mestra gozamos este curso da música desde todas as súas vertentes: contos cantados, musicogramas, danzas, ritmos e achegamento aos grandes compositores.

Cos contos cantados facemos soar o noso corpo desde os dedos, facendo pitos, á boca e ás mans. Igualmente traballamos diferentes ritmos.
Coas danzas que parten da nosa vida cotiá achegámonos a vivenciar o día a día e aprendemos novo vocabulario.
Aproveitando as catro estacións imos coñecendo pouco a pouco a Vivaldi e as obras compostas para cada estación. Con elas nos relaxamos despois do recreo e tamén recreamos unha obra plástica ao ritmo do musicograma do Outono.
 
Escoitádenos e gozade connosco!!.


AS 4 ESTACIÓNS: EIXO QUE MARCA OS TEMPOS DAS NOSAS VIVENCIAS.

Se o curso pasado nos achegamos ás catro estacións realizando uns fermosos libriños nos que plasmamos as características principais de cada unha delas, este curso queremos avanzar un pouquiño máis e tentar interiorizar o paso do tempo segundo avanza cada estación. 

Para eso amosamos as estacións como parte do Ciclo da Vida e estamos a realizar un círculo pedagóxico que amosa as estacións partindo da natureza e das principais palabras que teñen relación con elas.

Adornamos o noso corredor con detalles relacionados co outono.
E profundamos en aspectos destacados de cada unha traballando unha poesía por cada estación. Gústanos moito recitalas e traballalas con xestos!.

ACTIVIDADES DIVERSAS COAS QUE SEGUIMOS MEDRANDO.

No Xardín do Pasatempo...

Aproveitamos a invitación de Güino a ler mogollón e cada semana levamos o libro que cada un escolle para compartir unha lectura en familia.
Ademáis comezamos a levar cada semana a Mochila Viaxeira que Guino nos prepara con diferentes estilos de lecturas e música.


Noutros lugares do cole...

Coas diferentes exposicións: mes da ciencia, samaín... nas celebracións importantes: Samaín e Lecturas ás escuras, Magosto-Peón, 25N, Nadal e compartindo cos compañeiros e compañeiras da clase das Margaridas.

En moitas destas actividades contamos coa presenza de compañeiros e compañeiras máis maiores así como das nosas familias e tamén dos iguais, coñecimos a traverso de internet outras tradicións e costumes... Todo nos permitíu gozar, aprendendo a valorar e respectar a compaña e as aportacións dos demáis. 

Como se amosa na pancarta do noso 25N buscamos cada día "Un mundo no que nin o noso corpo nin o noso corazón se vexan feridos, no que sempre o noso actuar se guíe polo amor que brota do corazón facendo que o outro se sinta feliz ao noso carón". O símbolos do corazón e o sorriso na nosa pancarta así o representan. 

No Nadal viaxamos aos 4 puntos cardinais, aproveitando o estudo do PDI "Couceiristas polo mundo" e así no achegamos ao coñecemento de danzas e hábitos culinarios tradicionais nestas datas. 

E durante todo o trimestre afianzamos lazos entre as dúas aulas de 4 anos, Margaridas e Bombeiros, compartindo actividades e momentos de aprendizaxe estructurado. O certo é que nos levamos moi ben e as aprendizaxes compartidas axúdannos a coñecérmonos mellor.








E CELEBRAMOS... QUE CUMPRIMOS ANOS!!

Parabéns aos nosos Bombeiros e Bombeiras cos que celebramos o seu  aniversario. Coma sempre, un momento que esperan coa ilusión de compartir no cole cos compis e a mestra.

AGOSTO-SETEMBRO: HUGO E BREOGÁN!

OUTUBRO: BLANCA!

NOVEMBRO: XIANA!

E AGORA... XA ESTAMOS LISTOS PARA A "SEGUNDA ETAPA" DA NOSA "CARREIRA". 
A POLO SEGUNDO TRIMESTRE!!

2 comentarios:

  1. Qué bonito poder verlos en clase con sus compis y profes. Gracias por el resumen del trimestre Dámaris.

    ResponderEliminar
  2. Gracias a ti por tu palabras María y sobre todo por estar aquí. En elaboración... el siguiente trimestre porque "Os bombeiros" no dejamos de sorprender.

    ResponderEliminar